CRTVG

Buscar

Acusan o hospital Gregorio Marañón da morte dun bebé por darlle máis medicación da debida

Publicado o 09/10/2019 14:55

A xustiza investiga se a morte dun bebé no Hospital Gregorio Marañón de Madrid se pode considerar un homicidio por imprudencia. Os pais do neno presentaron a demanda para que se aclare quen foi o responsable de darlle unha dose de medicamento dez veces superior á que lle correspondía. 

O bebé de 9 meses ingresou no Gregorio Marañón a principios de febreiro. Recibira un transplante de corazón en novembro, e esa era a razón pola que se lle administrou un medicamento inmunodepresor. O que está en cuestión é porque lle aplicaron, supostamente, un gramo, cando o que correspondería no seu caso son cen miligramos.

"Estamos falando dunha dose dez veces superior á que estaba prescrita. Agora temos que descubrir se estaba ben indicada e se aplicou mal ou se se indicou mal", di Carlos Sardinero, avogado da familia e da Asociación Defensor del Paciente.

A denuncia presentada polos pais do neno e a Asociación Defensor do Paciente pretende que se aclare exactamente onde estivo o erro. Segundo o seu avogado, os pais consideran que esa explicación sería determinante para que puidesen superar o dó e tamén para evitar que algo así se repita.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/10/2019