CRTVG

Buscar

Acusados de simular accidentes e estafar os seguros

Publicado o 14/09/2017 14:07

Os xulgados de Vigo acolleron esta mañá o maior xuízo en Galicia por unha suposta trama fraudulenta por provocar accidentes. A Fiscalía pide para a banda, formada por once persoas, 23 anos de cárcere por arremeter contra outros vehículos nas rotondas para cobrar o seguro por lesións. A presunta estafa ascende a 48.000 euros. Durante a vista os acusados negaron os feitos.

Están acusados de simular dez accidentes ao longo de catro anos, todos tiveron lugar en tres rotondas da cidade. Trátase dun clan familiar que supostamente provocaba estes accidentes para cobrar das compañías aseguradoras polas lesións. A alarma saltou cando unha das aseguradoras sospeitou dun dos acusados polo seu historial de sinistros nas rotondas. Durante a investigación comprobouse que dúas destas persoas serían os líderes de montar unha trama fraudulenta para provocar sinistros de xeito que a culpa recaera no outro condutor. O método consistía en ofrecerse a cubrir un parte amigable para cobrar o seguro polos gastos médicos e reparación do vehículo. Durante a vista celebrada este xoves no xulgado do penal en Vigo, os acusados negaron os feitos e afirmaron que as lesións foron sempre certificadas por un médico.
A Fiscalía pide en conxunto 23 anos de cárcere para a banda. A estafa ascende a 48.000 euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/09/2017