CRTVG

Buscar

Acusacións mutuas entre Sánchez e o Partido Popular por mor do pacto con Bildu

Publicado o 23/05/2020 20:48

Na súa comparecencia, Pedro Sánchez xustificou o pacto con Bildu arredor da reforma laboral  aludindo á "irresponsabilidade" do Partido Popular por votar negativamente á ampliación do estado de alarma. Desde o PP sinalan que a credibilidade de Sánchez "é nula" e que mantén "un pacto estratéxico" con Bildu que se manifestou na súa investidura, en Navarra e agora coa reforma laboral.

Sánchez derivaba a responsabilidade cara ao partido de Casado: "Se o Partido Popular en lugar de votar que non ou se se abstén ou se, como é lóxico nun partido de goberno que, por certo, goberna en comunidades autónomas afectadas pola COVID-19, votara a favor. Pero esta non é desgraciadamente a realidade e iso levou a que os distintos grupos parlamentarios que apoian o goberno trataran de negociar co resto de grupos parlamentarios, porque o obxectivo fundamental para nós era sacar adiante a prórroga do estado de alarma".


Desde o PP replicaba o seu vicesecretario de Política Territorial, Antonio González Terol: "Este non é un acordo puntual, senón que é un acordo estratéxico. Ata a saciedade dixo que non pactaría con Bildu, pero, emporiso, fíxoo para a súa investidura obtendo a abstención de cinco votos. Tamén o fixo en Navarra, onde decidiron pactar a abstención con Bildu para poder gobernar a comunidade foral no canto de chegar a un acordo cos constitucionalistas como fixemos nós con Patxi López, ao facelo lehendakari a cambio de nada".

Noticias web

23/05/2020