CRTVG

Buscar

Acusacións mutuas entre PSOE, UP e PP en Madrid nunha precampaña, marcada pola polarización

Publicado o 27/03/2021 14:58

Pablo Iglesias reivindicou este sábado os logros de Podemos na axenda social do Goberno e dixo que o PP e a dereita corrupta están "atrincheirados" en Madrid. "Tal é a importancia que dá a derita política, económica e mediática a Madrid que erixiron a Isabel Díaz Ayuso como a líder da oposición ao Goberno de España e por iso as eleccións do 4 de maio son cruciais", sinalou Iglesias.

Pedro Sánchez aludiu a Podemos e asegurou que quen queira estar nun executivo progresista en Madrid debe abandonar o extremismo. Ademais, apelou a frear cos votos un Goberno do PP e Vox:  "Xa non é a foto da praza de Colón. O PP e Vox queren formar o goberno da praza de Colón e Madrid non necesita iso. Un goberno en serio, que é precisamente o que Madrid non tivo en todos estes anos, é o que necesita Madrid nesta emerxencia económica, sanitaria e social que estamos sufrindo desde hai máis dun ano"

E desde o PP, García Egea culpou a Pedro Sánchez dunha acción coordinada para desestabilizar os gobernos de Murcia, Castela e León e Madrid. Apostou por derrotar tamén nas urnas ese intento desestabilizador: "A solvencia e o traballo dos nosos presidentes autonómicos impediu que Sáncez puidera facerse cun só dos gobernos autonómicos e propinoulle unha sonora derrota. Eu pido que a derrota que sufriu Sánchez na presentación das súas mocións de censura sexa a primeira volta da segunda derrota do vindeiro 4 de maio en Madrid"

Noticias web

27/03/2021