CRTVG

Buscar

Acusacións cruzadas entre os partidos a conta do financiamento autonómico

Publicado o 13/09/2019 20:45

O PPdeG acusa o Goberno central de querer a asfixia económica de Galicia ao non entregarlle os 700 millóns que o Estado lle debe á comunidade. O secretario xeral do PSdeG replica que o seu partido é o unico que garante o financiamento autonómico. E Yolanda Díaz explicou hoxe por que Unidas Podemos votou en contra da proposicion non de lei presentada polo PP no Congreso en que pedía ao Goberno o desbloqueo do financiamento autonómico.

"Votamos que non porque se incorporaron dúas enmendas do grupo Vox que facían imposible o voto a favor, por ser unha concepción da financiación autonómica e do Estado profundamente reaccionaria. Facía inviable, insisto, o voto a favor", di Yolanda Díaz, voceira de Galicia en Común.

"O Partido Socialista é a única garantía de que as entregas a conta se actualicen. Feijóo no momento en que se a actualicen as entregas a conta vai quedar sen relato, espido, sen nada que ter que dicir. O risco sería que o Partido Popular de Casado coa ultradereita gobernasen en España", asegura Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG.

"Máis que un presunto líder da oposición o que vimos foi o secretario de Sánchez en Galicia. Mostrou que non ten capacidade ningunha para enfrontarse ao seu xefe de filas. Nin o fixo nin, probablemente, nunca o faga. Tiña que elixir e elixiu Sánchez. Tiña que elixir entre Galicia ou Sánchez e elixiu Sánchez", afirma Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/09/2019