Zigzag Diario
Acuarelas inéditas de Santa Eulalia de Bóveda no Museo de Lugo
As acuarelas de Elías de Segura ofrecen un valor engadido debido a que, pouco tempo despois
de realizarse, unha importante superficie das pinturas murais foi danada tras aplicarlle unha nefasta restauración: catro das obras correspóndense con senllas fraccións da área afectada localizada no arranque sur da bóveda. Polo tanto, nestas reproducións non só se pode comprobar o estado orixinal de diversos motivos, que actualmente presentan significativas perdas da súa capa pictórica, tamén demostran o porqué da marcada diferenza na superficie pictórica entre os arranques de bóveda sur e norte.
A historiografía de Santa Eulalia de Bóveda ofreceu variadas razóns que tentaron explicar este feito,
mesmo se chegou a xustificar como o resultado de actuar un equipo de pintores diferente en cada arranque de bóveda. Pero a obra de Elías de Segura mostra que a diferenciación da tonalidade pictórica está vinculada, inequivocamente, a unha inicial restauración que pretendía eliminar os borróns escuros documentados en varias das acuarelas.
A exposición está constituída por seis acuarelas orixinais e a reprodución a escala 1:1 dun debuxo preparatorio que por cuestións técnicas de conservación non puido ser trasladado a Lugo desde
o MAN. Ademais, inclúese documentación antiga do monumento e diferentes materiais arqueolóxicos
conservados nas zonas de reserva do Museo Provincial de Lugo.