CRTVG

Buscar

Actos vandálicos con nocturnidade en Ribadeo

Publicado o 03/11/2020 13:43

Este coche coas catro rodas picadas é un dos que se viron afectados polos actos vandálicos que se produciron nos últimos días na avenida Rosalía de Castro de Ribadeo e nas rúas lindeiras. A Garda Civil está a buscar os autores destes feitos, que tamén causaron danos ao queimar colectores do lixo mesmo diante dunha vivenda que estivo a piques de arder. Malia o toque de queda, os actos producíronse ben entrada a noite, polo que, ademais do vandalismo, tamén se incumpriron as normas do estado de alarma. Os veciños amósanse preocupados polo que está a acontecer.

"Actúan cando a xente dorme. Son listos. Facer dano porque si". "Esta fin de semana picaron catro ou cinco coches. E hai dúas semanas oito ou dez. Serán falcatrueiros de por aquí". "Isto é cousa de rapaces. Xúntanse varios e, cando un destaca, van os outros atrás". "Saín eu hai días e vin todos os colectores da rúa medio queimados".

Nas últimas horas, un veciño da zona viu un home que, supostamente, estaba a cortar as rodas de varios vehículos. Aínda que avisou a Garda Civil, o sospeitoso conseguiu fuxir, aínda que se están a recoller pistas e gravacións de cámaras que leven a dar coa súa identidade e proceder á súa detención. Esta é unha zona das máis tranquilas de Ribadeo e apenas hai actividade nocturna.

Noticias web

03/11/2020