CRTVG

Buscar

Estabilizado un incendio en Vilariño de Conso e extinguidos os de Pantón e Maside

Publicado o 13/08/2017 13:03

Ademais, a Consellería do Medio Rural dá por controlado o incendio declarado na parroquia de Viña, en San Cristovo de Cea

Estabilizado un incendio en Vilariño de Conso e extinguidos os de Pantón e Maside

Estabilizado un incendio na parroquia de Castiñeira, no municipio ourensán de Vilariño de Conso. Medio Rural indica que o lume se iniciou "en varios focos simultáneos". Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada supera as 20 hectáreas. Nas tarefas de control participan seis axentes, 14 brigadas, sete motobombas e dúas pas.

Por outra banda, a Xunta tamén informou que os incendios que desde o venres afectaban os municipios de Pantón e Maside quedaron extinguidos.

O de Pantón, declarado na parroquia de Pombeiro, queimou 33,84 hectáreas e na súa extinción traballaron oito axentes, 17 brigadas, 14 motobombas, unha pa e un helicóptero.

Os servizos anti incendios deron por extinguido ás 21:30 horas do domingo o lume que desde a noite do venres afectaba á parroquia de Piñeiro, situada no Concello de Maside. Segundo os últimos cálculos, a superficie afectada supera as 29 hectáreas e na súa extinción participaron oito axentes, 21 brigadas, 13 motobombas e tres pas.

Ademais, a Consellería do Medio Rural dá por controlado o incendio declarado na parroquia de Viña, en San Cristovo de Cea, que, polo momento, calcinou 20 hectáreas. A Xunta sinala que este lume tamén se iniciou en varios puntos con focos simultáneos. Nas tarefas de control participan un técnico, nove axentes, 18 brigadas, 13 motobombas e tres pas. 

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal ou actividade incendiaria. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/08/2017