CRTVG

Buscar

Actividades e exposicións para conmemorar o décimo aniversario da declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade

Publicado o 28/06/2019 08:29

Celébrase o décimo aniversario da declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade. Con este motivo comezan unha serie de actividades para conmemorar esta data. Haberá exposicións, recreacións de campamentos romanos e un espectáculo de luz e son arredor do faro.

Tal día como hoxe hai dez anos a Unesco declaraba a Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade. Con este motivo comezaron a celebrarse unha serie de actividades que se prolongarán durante tres días. Esta mañá inauguráronse dúas exposicións sobre a historia do faro máis antigo do mundo en funcionamento e sobre a súa contorna natural. O historiador Xosé Alfeirán, lembrou que os muros, as naves e algunhas das ventás interiores da Torre son as orixinais romanas, o que a converte nun monumento excepcional.

Xosé Alfeirán, historiador: "É o emblema da cidade dende a Idade Media, é noso símbolo ,más propio. A Torre é nosa, así de claro, pero tamén é universal por ese valor excepcional porque é un monumento excepcional, úico no mundo, un faro romano que aínda está funcionando".

Pola súa parte, a alcaldesa, Inés Rey,indicou que ademáis destas celebracións queda por diante o traballo de seguir coidando e protexendo o monumento Patrimonio da Humanidade e a súa contorna.

Inés Rey, alcaldesa da Coruña: "Coidar a Torre e coidar o medio que a rodea que será un dos obxectivos do próximo mandato que se inicia".

Os actos de celebración deste décimo aniversario culminarán o próximo sábado cun espectáculo de luz e son e un concerto de Mercedes Peón creado en especial para esta ocasión nos arredores do milenario Faro.

Noticias web

28/06/2019