CRTVG

Buscar

Activan a alerta por risco de inundacións nos ríos da conca Galicia-Costa

Publicado o 29/01/2020 17:02

• A chuvia deixa máis de 120 litros por metro cadrado en Boiro

Este mércores, a subida dos caudais en ríos das concas de Galicia-Costa levou a activar o Plan especial por risco de inundacións (Inungal) da comunidade galega nunha xornada con aviso amarelo por precipitacións nas provincias da Coruña e Pontevedra.

En concreto, fontes do 112 Galicia concretaron a Europa Press que é nas concas dos ríos Xallas, Umia e Verdugo "onde se poden superar os caudais", polo que se activou o Plan Inungal "en fase de alerta". Segundo avisou o 112 Galicia, poden producirse "inundacións eventuais e pequenos desbordamentos" nos seus contornos. Por iso, aconsella retirar vehículos das marxes dos ríos, evitar atravesar pontes e torrentes, ademais de abandonar as actividades en zonas fluviais.

Este mércores hai aviso amarelo por precipitacións ata as 18,00 horas no suroeste e oeste da provincia da Coruña, así como no interior da de Pontevedra, por acumulacións de máis de 40 litros por metro cadrado en 12 horas.

A chuvia acumulou máis de 120 litros por metro cadrado na localidade de Boiro, mentres que o vento superou os 111 quilómetros por hora no municipio costeiro de Viveiro. Segundo os rexistros de Meteogalicia ata as 16,00 horas deste mércores, recollidos por Europa Press, os refachos de vento máis significativas, nunha xornada con aviso amarelo no noroeste da Coruña e da Mariña, corresponderon a Viveiro, con 111,9 quilómetros por hora; Cedeira, con 107,5 km/h; e Cuntis, con 93,7 km/h.

En zonas de montaña, o vento deixou refachos de intensidade máxima de 91,9 quilómetros por hora en Carballeda de Valdeorras e de 74,5 km/h en Manzaneda. Pola súa banda, as precipitacións acumularon 120,9 litros por metro cadrado en Boiro, 87,9 en Poio, 87,8 en Lousame, 81,4 en Cuntis e 77,1 l/m2 en Rois. Mentres, en municipios con altitude maior de 900 metros a choiva deixou 30,1 litros por metro cadrado en Pedrafita do Cebreiro e 27,6 en Vilariño de Conso (Ourense).

 

Noticias web

29/01/2020