CRTVG

Buscar

Suspendidas as actividades no exterior de case todos os colexios por Gisele

Publicado o 13/03/2018 17:10

A Xunta decidiu suspender a actividades no exterior dos centros educativos da maior parte de Galicia pola alerta de nivel laranxa que se activará coa chegada da borrasca Gisele, que provocará refachos de vento superiores aos 100 quilómetros por hora nas provincias da Coruña e de Pontevedra e en zonas das de Ourense e Lugo.

A verdade é que o tempo nos está a dar un respiro agora mesmo. É a calma, antes da chegada doutro temporal. Agárdase que Gisele pase preto de Galicia a vindeira madrugada. Xa hai activados avisos no mar e en terra. As previsión falan de que esta nova borrasca trae refachos de vento de arredor de 120 quilómetros por hora e chuvia intensa, acumulacións que nas Rías Baixas poden chegar, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía, ata os 180 litros por metro cadrado litros en 48 horas. Poden repetirse os asolagamentos. E mesmo volver rebordar os ríos. Tamén complicada se espera que estea a situación no mar con refachos de vento de forza 8 e ondas que poden superar os 6 metros de altura.

Primeiro foi Ana, despois Bruno. Carmen e David case non nos tocaron. Pero si viñeron visitarnos Emma e Félix. E Gisele xa está petando ás portas de Galicia.

Coma todo aquí tamén hai explicación. Nesta época de inverno hai máis probabilidades de que as borrascas cheguen a Galicia porque hai máis aire frío no hemisferio norte e os temporais aliméntanse precisamente diso, de aire frío. Un aire que habitualmente se mantén dando voltas en espiral en zonas polares, o que se chama vórtice. Pero no mes de xaneiro esa corrente de aire deixou de xirar.

E o tren de borrascas ven cargadiño de vagóns que seguirán deixando chuvia, vento e máis nevaradas o que queda de semana.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/03/2018