CRTVG

Buscar

A mancha de fuel da ría de Arousa podería proceder dunha vertedura en terra

Publicado o 14/10/2020 16:49

As autoridades sospeitan que a mancha de hidrocarburos localizada este martes na ría de Arousa, nunha zona próxima a Ribeira, pode ter a súa orixe nunha vertedura realizada desde terra.

Nun primeiro momento estimouse que a mancha procedía de actividades realizadas no propio mar, segundo explicou a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba. Pero tras manter este mércores unha reunión de traballo co capitán marítimo de Vilagarcía, Manuel Martínez; o xefe da comandancia da Garda Civil, Simón Venzal, e a xefa da unidade de Protección Civil, Natalia del Caño, Larriba adiantou que o Servizo de Protección da Natureza do Instituto Armado avanza nesta nova liña de investigación.

Ao mesmo tempo, aínda que segundo o Goberno a mancha está "controlada", os servizos de Salvamento Marítimo seguen traballando nos dous puntos en que se atopa a maior parte do hidrocarburo derramado.

Así, o buque Don Inda de Salvamento Marítimo está a recoller residuos nunha zona próxima a Punta Touro (Ribeira), mentres que embarcacións da Xunta de Galicia actúan preto da illa de Sálvora.

A mancha localizada en Sálvora, segundo a subdelegada do Goberno en Pontevedra, "non representa perigo para a illa, xa que non está preto e está moi diluída".

Aínda que Costas activou unha alerta ante a posibilidade de que esta vertedura de fuel se achegase ás costas do Grove, a responsable gobernamental explicou que "non se tivo que poñer en marcha" o dispositivo de contención de hidrocarburos na zona.

Foi sobre as dúas da tarde de onte, cando o avión de Salvamento Marítimo alertaba da presenza dunha gran mancha no mar entre a illa da Rúa e o Pombeiro. Ao lugar desprazáronse medios de Gardacostas e determinaron que se trataba dunha mancha de fuel de grandes dimensións, equivalente a 15 campos de fútbol, o que obrigou a activar o plan de contaminación marítima.

Estase a facer un seguimento das correntes, as mareas e o vento para controlar que non se desprace e como medida preventiva, Intecmar estableceu o peche cautelar do polígono de bateas de Ribeira

Noticias web

14/10/2020