CRTVG

Buscar

Activado o nivel 2 de alerta no incendio que afecta a parroquia ferrolá de Covas

Publicado o 21/04/2017 08:38

O lume obrigou a desaloxar varias casas pola proximidade das lapas. O vento está dificultando seriamente o control do incendio, en que traballa a Unidade Militar de Emerxencias

Activado o nivel 2 de alerta no incendio que afecta a parroquia ferrolá de Covas e que obrigou a desaloxar varias casas pola proximidade das lapas. O vento está dificultando seriamente o control do incendio, en que traballa a Unidade Militar de Emerxencias.

O incendio comezaba onte na parroquia do Val, en Narón e foise estendendo por montes próximos á costa ata chegar ao veciño concello de Ferrol. Segundo o último parte de Medio Rural, das dez da noite, xa leva arrasadas máis de 200 hectáreas no concello naronés. 

O máis complicado agora está en Ferrol. As lapas achegáronse perigosamente ás casas da parroquia de Covas e obrigaron a desaloxar varias delas, por exemplo no lugar de Piñón. A Unidade Militar de Emerxencias sumouse ós labores de control e extinción do lume que está sendo moi complicado polos refachos de máis de cen quilómetros por hora que hai. 

Tamén no lugar de Picheiro houbo que desaloxar casaspor precaución. Esta zona, da contorna da praia de Ponzos, está na Rede Natura e é Zona de Especial Protección de Aves. 

Nas últimas horas quedaba controlado o lume que ardía na parroquia de Deveso, nas Pontes, que leva xa calcinadas máis de vinte hectáreas. 

Onte á tarde dábase por extinguido o incendio que arrasou 36 hectáreas no concello de San Sadurniño e chegou a ameazar varias casas. 

Medio Rural dá tamén por extinguidos os incendios en Boiro e Negreira, que arrasaron polo menos 250 hectáreas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/04/2017