ACOUGA denuncia comisións de apertura a persoas cunha hipoteca
Se teñen unha hipoteca e lles cobraron unha comisión de apertura poderán reclamar a súa devolución. A Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia, ACOUGA, denunciou o cobro destas comisións, e a demanda acaba de ser admitida a trámite. Calculan que só en Galicia hai máis de 300.000 afectados.
Con cálculos conservadores, de hipotecas de cen mil euros e comisións de apertura do 1 %, as cifras globais alcanzan cantidades milmillonarias no conxunto de España. "Pensade que son mil euros por operación, se hai 4 ou 5 millóns de operacións potenciais, a contía chega a 4-5 mil millóns de euros", di Xosé Antón Pérez Lema, avogado e secretario de ACOUGA.
ACOUGA, que presentou a demanda no xulgado do mercantil número 1 da Coruña, acusa 11 entidades bancarias, a practica totalidade das que operan en España, de cobrar irregularmente esas comisións que non implican ningún servizo a cambio. Ampáranse nunha manifestación do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
O proceso acaba de arrincar. A maioría dos bancos xa pediron que se declare incompetente para este caso o xulgado do mercantil. Así e todo, desde ACOUGA calculan que a principios do ano que vén se abrirá o prazo de 2 meses para que os interesados se poidan adherir á demanda.