CRTVG

Buscar

Acordo na UE para poñer en marcha un plan de recuperación económica tras a pandemia

Publicado o 21/07/2020 07:41

• España recibirá uns 140.000 millóns de Euros do fondo de recuperación europeo

• Daranse 72.700 millóns en axudas directas

 

Os xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea (UE) chegaron este martes de madrugada a un acordo para poñer en marcha un plan de recuperación económica de milleiros de millóns tras a pandemia de coronavirus, despois de catro días de maratoniana negociación.

"Acordo", anunciou en Twitter o presidente do Consello Europeo, Charles Michel ás 05:31 horas do martes, ao termo dun cumio que comezou o venres pasado pola mañá. España recibirá uns 140.000 millóns de euros do fondo de recuperación europeo, dos que 72.700 millóns daranse en axudas directas, segundo anunciou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ao valorar o acordo alcanzado hoxe polo Consello sobre o devandito fondo e o marco financeiro plurianual.

"É un grande acordo para Europa e para España; non lles caiba dúbida de que hoxe se escribiu unha das páxinas máis brillantes da historia da UE", dixo Sánchez en rolda de prensa en Bruxelas pouco despois de lograrse por fin o consenso.

Definiuno tamén como "un auténtico Plan  Marshall para dar resposta contundente á crise da  COVID-19, pero tamén para abordar as transformacións que o país necesita no futuro", e destacou o feito "inédito" de que a Comisión Europea se vaia a endebedar por primeira vez para financiar o fondo.