Acordo na UE para poñer en marcha o certificado COVID−19 este verán
EFE
Os países da Unión Europea (UE) e o Parlamento Europeo chegaron este xoves a un acordo sobre o formato dun certificado de viaxe que recolla información sobre se o seu portador recibiu a vacina, ser ten unha PCR negativa recente ou anticorpos dunha infección por coronavirus. "Fumata branca: temos un acordo sobre a proposta da Comisión para un certificado COVID−19 dixital. Dou a benvida ao acordo provisional de hoxe alcanzado polo Parlamento Europeo e o Consello. Logramos esta nova ferramenta en tempo récord para salvagardar a liberdade de movemento para todos os cidadáns", escribiu en Twitter o comisario europeo de Xustiza, Didier Reynders.
Segundo o acordo final, os Estados membros non imporán en principio corentenas ou medidas restritivas adicionais aos portadores deste certificado, pero reservan a capacidade de facelo de maneira proporcionada se tales medidas están xustificadas pola situación epidemiolóxica.
"Sen prexuízo da competencia dos Estados membros de imporen restricións de acordo coa saúde pública", os países "evitarán impor restricións adicionais ás viaxes (...) a non ser que sexan necesarias e proporcionadas para salvagardar a saúde pública en resposta á pandemia de COVID−19", indícase no texto final.
Ademais, Parlamento e Estados membros pactaron empregar fondos comunitarios para financiar as probas de covid−19 necesarias para obter o certificado, de forma que se elimine parcialmente a discriminación económica entre os que xa foron vacinados e non teñen que facer unha PCR e quen aínda non puido acceder á inmunización e, por tanto, debe presentar un test negativo para viaxar.
O diñeiro, uns 100 millóns de euros segundo a última proposta da Comisión, canalizaríase desde o Instrumento de apoio de emerxencia, creado para permitir o apoio directo aos Estados membros da UE nos seus esforzos por abordar a pandemia e unha xestión coordinada das necesidades relacionadas coa saída e recuperación da crise da covid−19.