CRTVG

Buscar

España contará con 140.000 millóns do fondo de recuperación europeo, 72.700 en axudas directas

Publicado o 21/07/2020 15:05

É un acordo histórico por varios motivos: sae do segundo cumio máis longo, contén o maior incremento orzamentario e por primeira vez as axudas financiaranse coa emisión de débeda conxunta.

En cifras, o fondo de recuperación estará dotado con 750.000 millóns de euros, a metade en forma de transferencias a fondo perdido. A España tócanlle 140.000 millóns en 6 anos, o equivalente ao 11% da nosa riqueza. Máis de 70.000 millóns non haberá que devolvelos.

Pedro Sánchez, presidente do Goberno "Non estamos satisfeitos en transferencias ao 100%, estámolo ao 95%, pero esa é a negociación. Este é un grande acordo para España"

As axudas están suxeitas á presentación dun plan de reformas e investimentos que os 27 terán que aprobar por maioría de dous terzos.

Pablo Casado, presidente do PP "Valoramos moi positivamente que esta negociación supoña responsabilidade no uso dos fondos, estabilidade orzamentaria e económica e reformas"

Edmundo Bal, voceiro adxunto de Ciudadanos no Congreso "Europa estivo á altura, España e o Goberno teñen que estar á altura"

Pablo Echenique, voceiro de Unidas Podemos no Congreso "Ás súas señorías do PP e de VOX, aínda que este acordo sexa bo para España, eu sei que vostedes ían con Holanda e hoxe están tristes, así que as miñas condolencias"

Empresarios e sindicatos tamén aplauden o acordo: os primeiros esperan que os cartos reactiven a iniciativa privada e os segundos, que reforcen os servizos sociais. O acordo tivo que salvar as resistencias de países como Holanda ou Austria: os chamados frugais lograron descontos nas súas achegas ao presuposto comunitario e a posibilidade de paralizar o desembolso de axudas se cren que algún membro non está cumprindo o pactado.

 

Noticias web

21/07/2020