CRTVG

Buscar

Acordo entre os pais de Julen e o dono de leira para evitar o xuízo

Publicado o 20/01/2020 13:09

O principio de acordo entre os pais de Julen e o dono do terreo, David Serrano, chega a menos de 24 horas do comezo do xuízo.

O propietario do pozo onde morreu o pequeno declárase culpable dun delito de homicidio por imprudencia grave e acepta a condena a un ano de prisión a unha indemnización en concepto de responsabilidade civil. Serrano non entrará no cárcere porque carece de antecedentes penais, pero ten que facer un pagamento inmediato á familia de 25.000 euros e, logo, de 50 ao mes, mentres non mellore a súa situación económica, ata chegar á contía total, duns 180.000 euros. O fin do acordo, din, é evitar máis sufrimento.

A Fiscalía xa aceptou o pacto. Agora só está pendente do último paso. A xuíza terá que darlle o visto e prace e ditar sentenza de conformidade.

Evitaría así un xuízo en que estaban previstas seis sesións e en que a familia solicitaba tres anos e medio de prisión para o acusado, a Fiscalía pedía tres e a defensa a libre absolución.

Pese ao principio de acordo, a Sala tense que constituír mañá para que o tribunal dea o visto e prace ao acordo, segundo as fontes. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí