CRTVG

Buscar

Sanidade e sindicatos pechan un acordo sobre o contrato estable na Atención Primaria

Publicado o 15/01/2019 22:33

A Consellería de Sanidade e os sindicatos dos médicos, o das enfermeiras, o CSIF e UXT chegaron a este acordo no marco da mesa sectorial. A CIG e mais Comisión Obreiras, polo momento non se adheriron. Os beneficiarios deste acordo son os médicos e pediatras que fan substitucións nos centros de saúde con contratos de días ou semanas e tamén son destinatarios os MIR, os médicos internos residentes desas dúas especialidades. A partir de agora, terán un contrato dunha duración mínima dun ano prorrogable a tres, cos mesmos dereitos laborais que o restante persoal do centro de saúde e a súa aceptación será voluntaria.

"O que se pretende é organizar un pouco. Sería dar estabilidade polo menos durante un ano e ter uns centros asignados onde traballarían sempre cun horario regulado, dentro do mesmo centro e sen andar cambiando de sitio", asegura Antonio Otero, da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos.

Esta oferta de estabilidade laboral para os médicos temporais de Atención Primaria vai permitir, segundo o Sergas, ter os facultativos suficientes para cubrir as necesidades que se produzcan.

"Vainos permitir, polo tanto, fidelizar os nosos recursos humanos, retelos en Galicia e, ao mesmo tempo, intentar atraer profesionais doutros servizos de saúde. É un contrato que, ademais, ofrece unhas condicións laborais máis vantaxosas con respecto ás actuais. Melloramos en descanso, nas vacacións... Os permisos van telos garantidos os profesionais", afirma Margarita Prado, directora xeral de Recursos Humanos do Sergas.

Engaden desde o Sergas que esa estabilidade laboral dos médicos suporá unha mellora adicional da calidade asistencial, porque os pacientes terán garantida durante máis tempo a continuidade do seu médico de cabeceira.

 

Noticias web

15/01/2019