CRTVG

Buscar

O falso médico Coté acepta 6 anos e 3,3 millóns en indemnizacións

Publicado o 18/12/2020 14:48

Na Coruña, no xuízo contra Coté, houbo un principio de acordo entre todas as partes agás dúas, que representan os colexios de fisioterapeutas de Galicia e España, que deberá ser ratificado o 13 de xaneiro nunha nova vista.

O acordo foi posible ao recoñecer José Manuel López, máis coñecido como Coté, ser autor dos delitos de intrusismo profesional, estafa continuada, falsidade en documento público e varios delitos de lesións.

Todos eles suman un total de seis anos de cadea ao aplicárselle a atenuante de reparación do dano e a atenuante moi cualificada de dilacións indebidas. Amais, o acordo afecta tamén a muller de Coté. Ela recoñeceu o delito de colaboración na estafa, penada cun ano de cadea.

José Manuel López estaba acusado de varios delitos, entre eles un homicidio imprudente e de causar graves doenzas e lesións a 129 vítimas por exercer a medicina sen outra titulación que o bacharelato. Esta mañá houbo un principio de acordo que rebaixa a pena dos 338 anos de cadea a 6. E deberá pagar 3.300.000 euros en indemnizacións.

"É un acordo satisfactorio. El é medíco, ten o título do estranxeiro, aquí hai un problema de homologación", di Felipe Patiño, o avogado de Coté.

A súa muller era investigada inicialmente por un delito de branqueo de cartos polo que lle pedían tres anos de cadea. Ela recoñeceu ser coautora do delito de estafa.

"Hai un patrimonio intervido que tamén era dela. Por iso tivemos que recoñecer unha participación  a título de complicidade para que eses bens poidesen quedar a efectos ao procedemento". comenta Belén Amboado, a avogada de Susana Rodríguez.  

Porén non todas as partes están conformes co acordo.

"Non imos amosarnos partidarios deste acordo, salvo que se dean unha serie de condicións que ninguén quixo escoitar nin valorar", manifesta Ignacio Espinosa, avogado do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia.

"Se estamos nun suposto como o de Coté, no que as penas pasan dos 338 anos de cadea a 6, e que dentro duns días ten plena liberdade, non imos ter un só Coté neste país. Imos ter dez, cen e isto vai ser unha progresión absolutamente numérica", engade Javier Bernal, avogado do Consello Xeral de Colexios de Fisioterapeutas de España.

Desde a asociación de vítimas din que o bo deste acordo é que poderán pasar páxina despois de 13 anos.

"Toda a asociación quere agradecerlle aos pais de Diego que renunciaran a pelexar o homicidio do seu fillo", explica Esther Fontán, a presidenta da asociación de vítimas.

O principio de acordo deberá ser ratificado nunha nova vista que quedou sinalada para o 13 de xaneiro.

 

Noticias web

18/12/2020