CRTVG

Buscar

Acordo das industrias auxiliares de Barreras para atrasar o cobro da débeda

Publicado o 29/01/2020 08:58

As empresas auxiliares agrupadas en Uninaval, plataforma que aglutina os posuidores do 75% da débeda de Barreras, aceptaron o prazo de tres meses que solicitou a dirección do estaleiro ante o previsible acordo de refinanciamento que evitaría chegar ao concurso de acredores.

O acordo foi adoptado por unanimidade a pesar de que a comunicación e a negociación co estaleiro nos catro meses transcorridos desde a petición do preconcurso de acredores foi "practicamente nula", o que supón "unha falta de respecto cara á industria auxiliar", sinalan Uninaval e Asime nun comunicado.

Uninaval e a patronal galega do metal, Asime, reiteran o compromiso coa viabilidade do estaleiro Barreras e confían, así mesmo, na "pronta cobranza" da débeda total.

O  preconcurso de acredores no que se atopa inmerso Barreras concluirá o 2 de febreiro.
A partir de aí, calquera acredor podería solicitar o concurso ou reclamar a cobranza da súa débeda.
Barreiras pediu a semana pasada ás empresas auxiliares o compromiso de que no prazo de tres meses non inicien ningunha acción de reclamación da súa débeda.

Nunha comunicación, a dirección de Barreras expoñía que vén negociando "intensamente" con todas as partes e que tiña previsto asinar antes do 31 de xaneiro un acordo de refinanciamento xunto coa modificación ou a adenda dos contratos de construción de "buques".

Propoñen ás auxiliares, unha vez executada o refinanciamento, un calendario de pagamentos que permita "compasar o pago de facturas xa emitidas e os traballos pendentes para finalizar os barcos en construción".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/01/2020