CRTVG

Buscar

Aconsellan vacinarse contra o sarampelo ante o avance da doenza en Europa

Publicado o 31/08/2019 09:36

Todos os menores de 50 anos que non se vacinaran contra o sarampelo deberían facelo agora. É unha das medidas que recomendan os especialistas para frear o avance dunha doenza que deixou de estar erradicada en catro países europeos, entre eles o Reino Unido. España, de momento, segue libre de sarampelo.

A Organización Mundial da Saúde certifica que de momento España segue libre de sarampelo. Para garantir que siga sendo así, todos os menores de cincuenta anos que non recibiran a vacina de nenos deberían poñela agora, a non ser que xa pasaran a enfermidade. É unha recomendación da Sociedade Española de Epidemioloxía, da que se fai eco o Ministerio de Sanidade, que ademais estuda reforzar o plan de prevención contra o sarampelo. A vacina xa está incluída no calendario infantil, e en Galicia están vacinados máis do 90% dos nenos. É un requisito que esixe a Xunta para acceder a unha escola infantil autonómica.

A alerta acendeuse polo aumento da incidencia do sarampelo en case todo o mundo, agás no continente americano. O Congo, Madagascar e Ucraína sofren os maiores andazos. E en Europa, hai catro países onde deixou de estar erradicada a doenza: Grecia, Albania, a República Checa e o Reino Unido. Na primeira metade deste ano houbo 90.000 casos en Europa: xa son máis que en todo 2018.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/08/2019