CRTVG

Buscar

Aconsellan non beber auga da traída en Corme por un andazo de gastroenterite

Publicado o 24/09/2019 15:11

Máis de 23.000 litros de auga embotellada repártense en vivendas e negocios de Corme ante o andazo de gastroenterite que afecta a vila desde a pasada fin de semana. Máis de 30 persoas xa tiveron que ser atendidas no PAC de Ponteceso, todas cun cadro de vómitos e diarrea. Segundo a veciñanza, o número de afectados é moito maior.

O presidente da Asociación de Veciños Eduardo Pondal de Corme, Antón Vidal, asegura que "poden ser moito máis que cen persoas". Algo que corroboran os veciños, que explican que moitos xa non se desprazan ata o PAC de Ponteceso pero presentan síntomas.

Á espera dos resultados das análises que realiza a Consellería de Sanidade, o propio concello e a empresa concesionaria do abastecemento de auga, as autoridades locais recomendan evitar o consumo da auga da billa.

Antón Vidal cre que "é algo que tivemos que tomar todos, como a auga. E estes días a auga da traída viña turbia, parecía café con leite, algo sospeitoso". Outro veciño demanda que se reforce o persoal médico da vila.

Sanidade non descarta reforzar puntualmente o persoal médico da zona se o considera necesario. Haberá que esperar entre 24 e 48 horas para coñecer os resultados das análises da auga. A festa dos Remedios de Corme será, este ano, ben diferente.