"Acoitelouno sen discusión previa", explica unha testemuña no xuízo polo crime de Padre Rubinos
Segunda xornada do xuízo polo asasinato dun home fronte á institución benéfica Padre Rubinos, na Coruña.
Hoxe, entre outros, declarou un dos usuarios do centro que presenciou os feitos. Explicou que o acusado, sen haber unha discusión nin provocación previa, cravoulle unha navalla á vítima no corazón, provocándolle a morte.
Lucas estaba canda o presunto autor do asasinato e mais a vítima cando aconteceron os feitos, o 8 de xaneiro do ano pasado. Conta que intres antes do ataque, o investigado foi falar con el.
"Díxenlle que eran cousas miñas, que me deixase en paz. Coa mesma, vai canda o xitano. Colle, meteulla e cortou. Enriba cortou. E xa... quedou aí: morto. Aínda dixo el: matáchesme, fillo de puta. Matáchesme".
Outro dos usuarios do centro contou que un cuarto de hora antes do crime estivera co acusado. Notouno tranquilo e dixo que falaba perfectamente, non apreciou que estivera baixo os efectos de ningunha substancia. Ao pouco, escoito berrar.
"Escoitamos berros, fomos correndo e xa vimos o rapaz alí tirado nun charco de sangue".
Tamén escoitaron os berros as educadoras sociais da institución benéfica. Unha delas manifestou que ao ver a vítima tombada no chan da recepción, avisou os servizos de urxencias pero que ao chegar ao lugar xa nada puideron facer por recuperalo. A outra explicou que, dúas horas antes da agresión, o investigado fora canda ela pedirlle unha documentación pero que, naquel momento, non puido facilitarlla e iso, dixo, púxoo nervioso.
O xuízo continúa esta tarde coa proba pericial e as conclusións finais das partes. Será mañá cando os 11 membros do xurado popular, nove mulleres e dous homes, comecen a deliberar sobre a culpabilidade ou non do acusado.