CRTVG

Buscar

Achégase o verán e aumentan as ofertas de traballo en Sanxenxo

Publicado o 24/05/2021 15:01

En Sanxenxo, durante as últimas semanas as ofertas de traballo van en aumento, dende o concello aseguran que, como media, están a rexistrar cada día dez novas demandas. A maior parte das peticións son para cubrir postos de traballo nas cociñas, como camareiro ou camareira, como persoal de limpeza en bares, restaurantes e hoteis e tamén se requiren recepcionistas. Ao mesmo tempo dende o servizo municipal de emprego observan a reactivación doutras actividades económicas.

Marcos Guisasola, concelleiro de Economía de Sanxenxo, asegura que "vemos que hai unha repunta no sector construtivo, hai maior demanda de solo, como no polígono industrial, que se están avanzando catro ou cinco naves. Vemos que tamén hai evolución de SAUS ou PERIS, actividades urbanísticas que se están desenvolvendo. Iso conleva que evidentemente haxa máis demanda".

No 2019 Sanxenxo rexistrou 700.000 pernoitas durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. No 2020 a cifra baixou á metade, 350.000. Aínda así considerouse un bo número, ao tratarse do verán da pandemia. Agora, a poucos días de que comece a temporada alta, moitos hoteis permanecen aínda pechados. Boa parte deles abrirán as súas portas esta fin de semana, outros prepáranse para estar operativos en canto comece o mes de xuño. É o momento agardado para a reactivación económica.

Noticias web

24/05/2021