CRTVG

Buscar

Achan varios sacos con cachorros e cordeiros despezados en Allariz

Publicado o 07/01/2020 17:25

Coma cada mañá, o coordinador de Protección Civil de Allariz, percorría a estrada entre Santa Mariña de Augas Santas e Outeiro de Laxe para botar sal contra a xeada, cando unhas bolsas azuis, a carón da estrada, chamaron a súa atención.

Miguel Ángel López, coordinador de Protección Civil de Allariz: "Nunha había restos, posiblemente dunha matanza de porco; noutra uns cachorros despezados, en cachos, e noutra, restos de gando ovino. E ao longo da mañá, cando nos achegamos outra vez pola zona, atopamos outra bolsa, non sei se de gando ovino ou non, que estaba despelexado".

Cre que, quen deixou aí as bolsas, o fixo esa mesma mañá.

"Nós desprazámonos ás 10 da mañá. Aínda había xeada na estrada e nas marxes, pero non enriba das bolsas, así que pensamos que as tiraron hoxe á mañá", explica.

Trátase dunha zona boscosa e pouco transitada. A localidade máis próxima é Santa Mariña de Augas Santas, onde a noticia colleu por sorpresa os veciños: "Estamos agora no 2020, iso que pasara hai 100 anos, 70 ou 80, pero nestas datas...". "Se morre un animal, haberá un sitio a onde levalo para incineralo, pero tiralo así nunha cuneta...".

Protección Civil comunicoulles o achado ao Concello e á Garda Civil, para que investiguen o sucedido. A asociación animalista Libera! pide que se investigue como un posible caso de maltrato animal con asañamento, para o que o Código Penal contempla ata 18 meses de prisión.