Atopan en Viladonga unha machada de bronce con máis de 2.300 anos de antigüidade
As escavacións no castro de Viladonga deixaron ao descuberto un novo tesouro. Trátase dunha machada de bronce con máis de 2.300 anos de antigüidade. É un achado moi importante, segundo os arqueólogos, que pode ofrecer moita información sobre este asentamento romano, xa que a peza foi localizada no seu interior e non noutro contexto.
É unha peza moi singular pola súa complexa decoración, entre a que se distingue o prótomo dun touro, un xabaril e un carneiro. É unha machada pequena de 13 centímetros posiblemente usada para o sacrificio de animais, na segunda Idade de Ferro do noroeste peninsular.
O achado foi descuberto moi preto dunhas escaleiras que conducen ao alxibe. Tamén se encontraron restos de cerámica, carbón e ósos. Trátase do quinto machado sacrificial localizado en Galicia e este verán xa se exhibirá no museo do castro.