CRTVG

Buscar

Achado un corpo que pode ser o dun mozo desaparecido hai 19 anos en Vigo

Publicado o 07/09/2020 14:10

En dez días cumpriríanse 19 anos da desaparición de Daniel Veloso. Saíu unha tarde desta casa familiar do barrio de Barreiro en Vigo, o lugar en que a Policía Nacional informou a familia da aparición esta fin de semana dun corpo que pode ser o do fillo que daquela tiña 27 anos. A aparición do corpo trae un pouco de consolo despois duns anos cheos de tristura.

O 17 de setembro de 2001 Daniel saíu a pasear como adoitaba pola zona do campus de Vigo. Alí un garda xurado deulle lume e á media noite foi visto por última vez. Xa non se soubo mais del ata a aparición do que pode ser o seu corpo nun monte da parroquia de Valadares. A nai cre que a morte do seu fillo, enfermo crónico de epilepsia e cunha doenza mental, non foi por causas naturais.

A familia está agora á espera do informe da Unidade de Antropoloxía Forense de Galicia en Verín, que está a analizar o corpo que, malia pasaren 19 anos, aínda presentaba restos dun pantalón vaqueiro e da escrava coas iniciais e o teléfono de Daniel.

Noticias web

07/09/2020