CRTVG

Buscar

13 mortos e catro desaparecidos balance do paso de Gloria

Publicado o 23/01/2020 23:00

O temporal Gloria desprázase agora cara ao sur da Península, despois de deixar unha paisaxe de destrución na costa leste e 13 mortos.

Outras tres persoas permanecen desaparecidas, unha en Cataluña e tres nas illas Baleares.Cos tres cadáveres recuperados este xoves, dous en Tarragona e outro en Barcelona, o número de persoas falecidas deixadas ao seu paso polo temporal Gloria elévase a trece.

Son datos aínda provisorios, xa que catro persoas permanecen desaparecidas, tres nas illas Baleares e outra na localidade xerundense de Palamós.

Tres deles foron arrastados por un golpe de mar e o cuarto desaparecido facía barranquismo nun torrente na zona norte da illa de Mallorca.

Os traballos de busca destes catro desaparecidos retomáronse coas primeiras luces do día por terra e mar.

A alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, estimou en máis de 12 millóns de euros os danos causados por Gloria na cidade e anunciou que o Concello solicitará que a costa da capital catalá sexa declarada zona catastrófica."Tivemos unha perda importante de praias, de area das praias, en xeral unha media do 30%, peor algunha praia concreta como a Mar Vella, de máis dun 40, arredor do 44% de perda de area".

A Generalitat decretou dous días de loito oficial polos catro mortos provocados polo temporal en Cataluña e as bandeiras dos edificios dependentes do Goberno autonómico ondean a media hasta.