Acepta un ano de prisión por abusar da filla menor duns coñecidos
Un veciño de Monforte sentou hoxe no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo, acusado dun delito de abusos sexuais a unha menor. Segundo o escrito do fiscal, os feitos ocorreron en agosto de 2016, cando a vítima tiña 15 anos. O acusado, ao parecer, é un coñecido da familia da menor, xa que en máis dunha ocasión fixera algunhas obras na súa casa.
O día dos feitos a moza estaba no seu cuarto, na cama, cando o acusado entrou medio espido e empezou a facerlle tocamentos. A moza, asustada, chamou unha amiga e isto amedrentou o acusado, pero minutos despois volvía ao cuarto. A moza logra escapar e agóchase na planta baixa da vivenda.
A fiscalía solicitaba para o acusado cinco anos de prisión, pero finalmente houbo un acordo entre as partes e reduciu a pena a un ano de prisión co eximente incompleto por alteración mental. O Ministerio Fiscal aceptou como proba un informe médico do acusado do servizo de Psiquiatría. Ademais do ano de prisión, impúxoselle a prohibición de achegarse á vítima e ao seu domicilio durante 5 anos e estará baixo liberdade vixiada durante seis anos.