CRTVG

Buscar

Acepta doce anos de prisión por intentar asasinar a súa parella en Vigo

Publicado o 30/11/2020 14:58

Houbo conformidade no xuízo celebrado hoxe en Pontevedra contra un home acusado de acoitelar a súa parella.

A fiscalía rebaixou 2 anos a súa petición inicial de 14 de prisión porque tivo en conta a atenuante de politoxicomanía.

Na vista celebrada esta mañá na Audiencia de Pontevedra, o acusado recoñeceu os feitos e aceptou a condena. Finalmente, 12 anos de cárcere por tentativa de asasinato coas agravantes de parentesco e de xénero.

Os feitos remóntanse á mañá do 8 de novembro de 2019, cando varios veciños dun edificio da rúa Vázquez Varela de Vigo chamaron a policía alertados polos berros de socorro dunha muller.

Foi o que contaron os que declararon no xuízo celebrado na Audiencia de Pontevedra. Un deles afirmou que, contra as oito da mañá, asexou pola mira e que puido ver unha das súas veciñas fuxir escaleira abaixo deixando un regueiro de sangue. Atrás dela baixaba o acusado.

Vestiuse, porque estaba en roupa de durmir, e, xa na rúa, púxose diante da moto do home para impedir que fuxise ata que chegou a policía, que lle requisou un coitelo de 10 centímetros.

No entanto, a muller estaba sendo auxiliada por dous transeúntes. O informe forense revelou que presentaba cortes no pescozo, nunha mama e nun costado que alcanzaron órganos vitais e que resultarían mortais de non recibir asistencia sanitaria.

Segundo o informe fiscal, o home, e parella sentimental da vítima, atacouna co coitelo cando estaba durmindo, polo que na súa cualificación de tentativa de asasinato engadiu as agravantes de aleivosía, parentesco e xénero.

O acusado recoñeceu a súa politoxicomanía, recoñeceu tamén os feitos e aceptou a pena de doce anos de prisión.

Noticias web

30/11/2020