CRTVG

Buscar

Acepta catro anos de cárcere por malos tratos á súa parella, abusos á filla desta e ameazas á avoa

Publicado o 02/09/2021 13:45

A Audiencia da Coruña condenou a catro anos de prisión e a súa posterior expulsión de España un home de 39 anos a quen a fiscala e o avogado da súa exparella sentimental acusaban dunha ducia de delitos: coaccións, ameazas, abusos sexuais, vexacións, maltrato de xénero, revelación de segredos e un delito contra a integridade moral. En situación irregular en España, entre 2019 e 2020 vivía na casa das vítimas: a súa exparella, a nai dela e a filla menor de idade.

O xuízo suspendeuse varias veces, pero a sentenza agora xa é firme. O acusado recoñeceu os feitos e o seu avogado negociou unha rebaixa das penas coa fiscala e o avogado da muller. Gustavo Peña, avogado da acusación particular: "Os termos do acordo son satisfactorios para nós como letrado e a nosa representada. É a ocasión para que a nosa representada pase páxina, esqueza este pesadelo e empece de novo, de esquecer absolutamente todo o ocorrido." A sentenza fixa unha indemnización de 21.000 euros para as vítimas.

O condenado leva en prisión provisional desde abril de 2020; quédanlle por cumprir case tres anos. Logo será expulsado de España e non poderá regresar, como mínimo, ata que pasen dez anos.

Noticias web

02/09/2021