CRTVG

Buscar

Acepta a pena de dous anos de cárcere por cobrar 20 anos a pensión do avó morto

Publicado o 13/06/2019 15:34

"Recoñece os feitos? Si... Acepta tamén as penas que solicitan todas as acusacións?, si. Con respecto á responsabilidade civil tampouco se conforma entón, non? Non".

María Avelina López recoñeceu diante do tribunal que, desde xaneiro de 1996 en que faleceu seu avó aos 85 anos, ata outubro de 2016, seguiu cobrando a súa pensión e non comunicou o seu pasamento porque ninguén llo pediu. En total ingresou 132.000 euros ata que o banco se decatou da fraude. O banco devolveulle xa á Seguridade Social 33.000 euros correspondentes aos últimos 4 anos. A fiscalía pide que a muller lles devolva á entidade esa cantidade e á Tesourería a cantidade restante, pero como é insolvente, sería o banco o que, como responsable civil subsidiario, tería que afrontar esa débeda.

Juan Carlos Aladro, fiscal: "A acusada nestas circunstancias é insolvente. O problema é entre o banco que naquel momento funcionaba como pagador e a entidade pagadora, que era a Seguridade Social, que enviaba as remesas de diñeiro ao banco para que ela, á súa vez, retraera do banco as cantidades mensuais que correspondían á pensión. Entón, a Fiscalía sostén que houbo unha neglixencia porque ninguén se encargou de comprobar que durante todos eses anos non se fixeran eses pagos. Non modificamos ningunha pena. A acusada entrou e chegou a un acordo de conformidade. O único que non chegou a ningún acordo de conformidade é o banco coa Seguridade Social porque está obrigado a pagar, primeiro o banco e subsidiariamente ten que pagar á Seguridade Social".

O avogado da entidade bancaria alega que houbo neglixencia por parte da Seguridade Social por non verificar a pervivencia do pensionista e reclama que a responsabilidade sexa compartida.

Avogado do Banco Santander: "Hai unha concorrencia de culpas da Seguridade Social que non se preocupou nin de se ese señor tiña 105 anos ou 140. E entendemos que, en todo caso, a responsabilidade civil debe ser compartida".

Avelina aceptou a pena de 2 anos de cárcere que pide a Fiscalía. A súa avogada alega que cobrou a pensión do avó por necesidade e apelou á sua ignorancia e á suposta neglixencia da Tesourería e do banco por non comprobar en 20 anos a pervivencia do pensionista, que tería, en 2016, 105 anos. O xuízo quedou visto para sentenza.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/06/2019