Tres mozos morren nas estradas galegas na fin de semana de regreso das vacacións
Terceiro día da operación retorno de tráfico en Galicia, con circulación fluída durante a mañá nas vías de comunicación principais de entrada e saída da comunidade.
Porén, en canto a cifras de vítimas, a fin de semana xa contabiliza tres persoas mortas, todas elas mozas, acontecidas na madrugada do sábado en dous accidentes en Culleredo e Muros. Neste último continúan as pescudas da Garda Civil de Tráfico para esclarecer as circunstancias que fixeron que un vehículo acabara caendo ao mar na zona do peirao e ocasionara a morte de dous mozos, aínda que outros dous si conseguiron chegar á superficie con síntomas de hipotermia e xa recibiron a alta.
A vila da Serra de Outes, de onde eran veciños os dous falecidos, continúa conmocionada polo suceso. As instalacións do club de fútbol, onde xogaba un dos falecidos, que foi soterrado esta mañá, aparecían con mostras de loito para homenaxear as vítimas do tráxico accidente.
Vívese a mesma conmoción na parroquia de Vilaboa, no concello coruñés de Culleredo, onde aconteceu o outro accidente que acabou co falecemento dun mozo de 22 anos despois de que o coche en que circulaba saíra da estrada e batera contra unha vivenda. O condutor e outros dous compañeiros quedaron feridos graves.
Por iso, durante esta campaña de retorno das vacacións, en que se espera case medio millón de desprazamentos polas estradas galegas, a Garda Civil de Tráfico segue insistindo aos condutores en que teñan moita precaución e respecten as normas de circulación.
Consumo de alcol e drogas na condución, non; emprego dos elementos de seguridade: sistemas de retención infantil, cinto de seguridade, casco de protección, atención á condución e respectar os límites de velocidade.
No que vai de ano en Galicia e, segundo datos provisionais da DXT, xa faleceron 52 persoas por accidentes de tráfico, case un vinte por cento máis ca o ano pasado, en que houbo un número menor de vítimas por mor do confinamento.