Un condutor de 25 anos morre tras esnafrarse contra unha casa en Aranga
A Garda Civil investiga as circunstancias do accidente de tráfico que esta madrugada lle custou a vida a un mozo de 25 anos, veciño do concello coruñés de Aranga. O coche que conducía saíu da estrada e bateu contra unha casa abandonada. Non quedou rastro de freada.
Un esvaecemento, ou o sono, poden estar detrás deste tráxico accidente que lle custou a vida ao condutor e único ocupante do turismo. Tiña 25 anos e era veciño da localidade próxima de Cambás, no concello de Aranga. O choque ocorreu contra as cinco e media da mañá na nacional VI, no lugar da Castellana, tamén pertencente ao concello de Aranga. Tiveron que intervir os bombeiros de Betanzos para excarcerar o corpo.
Xosé Manuel Pérez, sarxento dos Bombeiros de Betanzos "O vehículo impactou contra unha casa e parte da casa caeu enriba do coche, afectando tanto o vehículo como a persoa que estaba dentro. Para retiralo houbo que desescombrar primeiro o vehículo e logo abatir o teito do coche, sacar as portas e abatir o salpicadeiro para poder sacar a vítima do interior".
O equipo de atestados do subsector de Tráfico da Coruña investiga o sucedido. O coche saíu da vía pola marxe dereita. Sobre o asfalto, non quedaron pegadas de freada. As dilixencias da investigación vanse remitir ao xulgado de Betanzos. O cadáver foi trasladado ao Complexo Hospitalario da Coruña para facerlle a autopsia. Ata o lugar do sinistro tamén se desprazou o GES do concello de Curtis. Uns e outros estiveron traballando ata ben entrada a mañá, cando se retirou o vehículo sinistrado.