Falece un camioneiro en Ribas de Sil tras caer ao río por un desnivel de 30 metros
• É a cuarta vítima en só catro días nas estradas galegas
Non houbo testemuñas do accidente e baséanse todas as hipóteses nas marcas da traxectoria que seguiu o camión. Ía cargado de madeira en dirección a Ponferrada. Por causas que se descoñecen, a uns 200 metros da ponte de Augas Mestas en Ribas de Sil perdeu o control do vehículo, foi cara á dereita e bateu coa gabia. Logo saíu despedido en dirección contraria, atravesou os 3 carrís desta estrada Nacional 120, rompeu o valado protector e caeu por un terraplén duns 30 metros ata quedar case somerxido nas augas do Sil.
Un condutor que viu o valado roto deu a voz de alarma. Ao lugar desprazáronse membros de Protección Civil de Ribas de Sil, bombeiros de Monforte, o grupo de emerxencias de Quiroga, Garda Civil e sanitarios. Os traballos para recuperar o corpo do condutor foron complicados, porque estaba atrapado na cabina do camión e somerxido na auga. O rescate tivo que facerse desde unha embarcación pneumática, coa dificultade engadida do caudal baixo do río e a carga do camión esparexida pola auga.
A vítima é un veciño de Pantón de 53 anos. Ao longo do día procederase á retirada do camión e da carga cun guindastre.
Este accidente é un suma e segue. Poucas horas antes falecía no hospital o condutor que quedara ferido o domingo en Lobios. Tamén investigan o sinistro de Santiago. Todo apunta a unha carreira de coches entre amigos, que provocou a morte dunha terceira persoa que non tiña nada que ver co pique entre eles.