CRTVG

Buscar

Absolven os catro sospeitosos de secuestrar un socio de Pelopincho en 2010

Publicado o 06/02/2020 18:00

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra absolveu os catro acusados de seren os responsables da captura e desaparición de José Bernardo Villaverde en novembro de 2010. O tribunal sostén que carece de "indicios suficientes" que permitan atribuír a comisión do delito de detención ilegal que lles imputaba a Fiscalía aos sospeitosos.

Villaverde e o seu socio Xosé Antonio Pouso, coñecido como Pelopincho, desapareceron en novembro de 2010, despois de perder no mar un alixo de 4 toneladas de haxix. Segundo declarou a muller de Villaverde ante a policía, catro dos seus socios abordáronos á entrada da súa casa.

Segundo o escrito do fiscal marcharon no seu coche, xunto a un dos acusados, Manuel Sineiro, seguido doutros dous vehículos, onde supostamente ían o resto dos acusados e algunhas hipóteses tamén apuntan a que ía o coñecido narcotraficante e socio de Villaverde, Pelopincho, tamén en paradoiro descoñecido desde ese día. Nunha chamada, Villaverde díxolle á muller que volvería pola tarde, pero nunca apareceu. O coche localizárono días máis tarde calcinado en Brión. A muller denunciou a desaparición e pouco despois marchou do país. 

As defensas din que ambos desapareceron voluntariamente para librarse das causas pendentes coa xustiza.

Na sentenza da Audiencia de Pontevedra, que os absolve, dise que "cabería soster, mesmo, que a detención ilegal que se atribuíu aos procesados non é máis que unha mera hipótese ante a imposibilidade de poder atribuír un delito diferente ao non ter máis noticias do desaparecido desde aquel afastado 19 de novembro de 2010 en que saíu voluntariamente do seu domicilio e a súa parella sentimental o viu por derradeira vez", destacan os maxistrados na sentenza.

Os xuíces sinalan na resolución que o home "saíu voluntariamente do seu domicilio", situado en Pontevedra, sobre ás 12.30 horas e, ás 13.56 horas, pola conversación telefónica que mantivo coa súa parella sentimental, "todo estaba ben". O tribunal resalta que non existe "ningún dato que indique que nese momento se achaba retido en contra da súa vontade".

A Audiencia conclúe que "se descoñece en que momento e por quen se privou ilexitimamente da liberdade ao desaparecido".