CRTVG

Buscar

Absoltos por falta de probas dous acusados de golpear e agredir sexualmente un home en Ourense en 2017

Publicado o 16/06/2020 16:45
Absoltos por falta de probas dous acusados de golpear e agredir sexualmente un home en Ourense en 2017

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense absolveu os acusados de roubar, golpear e agredir un home sexualmente ante a falta de evidencias, posto que a "única proba" contra os procesados foi a declaración da vítima, sen que existan "elementos periféricos" que a apoien.

Así figura na sentenza, datada a 15 de xuño de 2020 contra a que cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo. No seu ditame, os maxistrados destacan que non existen elementos que apoien a versión do denunciante, á que tampouco confiren veracidade pois a exploración física realizada tras a suposta agresión "non evidencia marcas erosións propias dos golpes, nin tampouco da agresión sexual".

O caso remóntase ao ano 2017, cando, segundo a versión do denunciante, este quedou cos dous acusados (para os que Fiscalía solicitaba penas de até 11 anos de cárcere) no barrio do Couto para comprar dous teléfonos móbiles.

Segundo a versión achegada, os procesados conduciron a suposta vítima á zona de Oira, onde o roubaron a punta de navalla e o obrigaron a practicarlles unha felación, ademais de introducirlle un dedo polo ano.

Con todo, os xuíces consideran que esta versión dos feitos non se sustenta máis que pola declaración do denunciante que, a pesar de ser considerada "persistente", ao non incorrer en "variacións substanciais nas súas declaracións anteriores", non constitúe unha proba de cargo suficiente para condenar os acusados.