CRTVG

Buscar

Absolta a muller de Viveiro que bateu na filla, logo de que a fiscalía retirara os cargos a petición da menor

Publicado o 20/06/2019 16:21

Esta veciña de Viveiro estaba acusada de bater na súa filla de catorce anos cun cinto. Segundo a fiscalía, a muller comezou a discutir coa menor na vivenda que comparten e, por motivos que non transcenderon, acabou perdendo os nervios e batendo na rapaza de xeito descontrolado coa parte metálica do cinto. Como consecuencia, a filla quedou con feridas en brazos, pernas e cadeiras e precisou de asistencia médica no centro de saúde de Viveiro.

Por estes feitos, o fiscal do xulgado número dous de Lugo solicitaba unha condena dun ano de prisión por un delito de malos tratos no ámbito familiar. Tamén pedía que se impuxera a muller a prohibición de achegarse a menos de douscentos metros da menor e do seu domicilio e por espazo de dous anos. E reclamaba unha indemnización de 750 euros, así como o pagamento dos gastos sanitarios. Finalmente, a fiscalía retirou os cargos contra a muller a petición da súa filla e foi absolta.

Este é o segundo xuizo nunha semana en que presuntamente a nai bateu cun cinto á filla. O outro maltrato produciuse en Ourense, pero nese caso si que houbo xuízo e non se retiraron os cargos.

Noticias web

20/06/2019