CRTVG

Buscar

Abren xuízo oral pola morte dun bebé en Ourense e polas lesións do seu xemelgo

Publicado o 18/11/2020 21:25
Abren xuízo oral pola morte dun bebé en Ourense e polas lesións do seu xemelgo

A Fundación Amigos de Galicia, presentada na causa, informou de que recibiu a notificación de que se decreta a apertura de xuízo oral, aínda pendente de data, polo caso relacionado coa morte dun bebé de dous meses en marzo de 2019 e as lesións ocasionadas ao seu xemelgo.

A causa está aberta no Xulgado de Instrución Número 1 de Ourense e o instrutor reconsiderara a súa postura a pedimento da Fiscalía en relación aos pais dos xemelgos. Finalmente, a Fiscalía solicitou a imposición dunha pena de sete anos de prisión para os pais acusados dun delito de homicidio do seu bebé por imprudencia grave e as lesións do seu xemelgo, producidas en Ourense en marzo do ano pasado.

Segundo o seu relato, os feitos ocorridos entre os días 1 e 3 de marzo de 2019, no interior do domicilio familiar situado en Ourense, cando "un dos dous proxenitores agarrou e apertou fortemente" un dos bebés, "todo iso co coñecemento do outro proxenitor, que non tratou de evitalo".

Por mor de "abanealo con brusquidade e unha forza desproporcionada", como tamén recollía o auto do titular do Xulgado de Instrución 1 de Ourense, o menor sufriu "catro fracturas no costado esquerdo" que requiriron para a súa curación, segundo o ditame emitido polo médico forense, "varias asistencias facultativas e tratamento médico cirúrxico consistente en observación e vixilancia en UCI pediátrica".

De igual modo, o escrito de acusación formulado pola Fiscalía relata que, na madrugada do 4 de marzo de 2019, ambos os procesados, "obviando as normas esenciais de coidado", deitaron o outro irmán xemelgo nun cuarto "acendendo e orientando cara ao bebé un calefactor de aire quente" o cal "provocou unha calor excesiva, ocasionando a morte do mesmo, probablemente por deshidratación".