Abren unha investigación sobre a vacina de AstraZeneca tras casos graves de trombos en varios países europeos
Publicado o 11/03/2021 16:03
Esta tarde o Comité Nacional de Saúde decide se a vacina de AstraZeneca se vai administrar aos maiores de 55 anos. Pendentes aínda desa decisión, o debate complícase en Europa. Nas últimas horas, 5 países, entre eles Dinamarca e Austria, deixaron de administrala e a Axencia Europea do Medicamento acaba de abrir unha investigación.
A decisión tomouse despois de que se rexistraran casos graves de trombos en persoas que recibiran esta vacina de AstraZeneca. As autoridades danesas aseguran que unha destas persoas morreu, pero que non poden asegurar que haxa unha relación entre a vacina e os trombos.
A Axencia Europea do Medicamento ten aberta xa unha investigación para aclarar estes casos.