CRTVG

Buscar

A participación nas eleccións de Cataluña ata as 18 horas baixa 22 puntos respecto a 2017

Publicado o 14/02/2021 18:30

O voto emitido en urna ata as 18 horas cae 22 puntos respecto ás eleccións de 2017. Un 45,6  por cento dos electores exerceron o seu dereito ao voto, o que supón un 22,6 % menos que no avance de participación das catalás de decembro de 2017, cando á mesma hora xa votara o 68,26 % por cento do censo, un ano en que a afluencia ás urnas alcanzou un récord do 79 por cento ao final da xornada.

O notable incremento dun 350 por cento dos sufraxios por correo e a distribución dos votantes por franxas horarias, ao que se suma a pandemia, dificultan a comparativa dos datos con comicios anteriores.

 A Generalitat anuncia unha demora no reconto para evitar contaxios de coronavirus.

O conselleiro de Acción Exterior, Bernat Solé, afirmou que se constituíron o 100 por cento das mesas electorais en Cataluña sen incidencias notables. Os datos, dixo, son "idénticos" aos dos comicios de 2017. "Poderemos celebrar unha xornada electoral con plena normalidade", asegurou o responsable do Goberno catalán. 

Máis de cinco millóns e medio de cataláns están chamados a votar este domingo nuns comicios incertos, onde todo está moi aberto e marcado pola pandemia. Reforzouse o dispositivo policial con máis de 14 mil axentes despregados pola comunidade.

Extrémanse, ademais, as medidas de seguridade para contrarrestar o medo aos contaxios. Está previsto que se constitúan máis de nove mil mesas, varias delas en pavillóns ou mercados habilitados, desta vez, como colexios electorais para evitar aglomeracións. 

 

 

Noticias web

14/02/2021