CRTVG

Buscar

Abren negocios en Lugo malia a difícil situación

Publicado o 28/01/2021 14:24

Isabel dá os últimos retoques á tenda de alimentación que abriu hoxe mesmo no centro de Lugo. Foron moitos os familiares e amigos que tentaron disuadila de pechar o negocio que tiña en Chantada e trasladalo á cidade. O que lle dixeron é que a situación económica e sanitaria é a menos aconsellable para emprender novos proxectos empresariais. En cambio, ela di que todo negocio xa é un risco en si mesmo e que as crises poden ser oportunidades. Por iso, non dubidou en dar o paso malia os condicionantes negativos que recoñece que existen a día de hoxe. Os produtos exclusivos e de calidade son, di, a mellor ferramenta.

"Si que me dixeron que era un mal momento. Porque ven que a cousa non está ben. Pero eu nunca tiven medo nin me botei para atrás", di Isabel.

Caso similar é o doutra tenda de artigos ecolóxicos para cativos e embarazadas que leva menos de 15 días aberta no barrio da Milagrosa. A primeira onda do coronavirus obrigou a Mónica a pospoñer un proxecto que xa tiña en mente dende hai dous anos. Agora decidiu dar o paso porque, asegura, o negocio pode superar esta etapa de restricións e mesmo saír reforzado, o que lle permitiría ampliar as liñas de mercado. Cre que tanto na vida como na empresa a clave está en non ter medo e ser constante.

"Xa antes do virus tiña idea de abrir. Tiña que decidir agora. E, se pensas demasiado, nunca fas nada. Tomei a decisión e agardo que saia ben", explica Mónica.

Tanto Isabel como Mónica animan a todos os emprendedores a dar o paso de abrir agora os seus negocios sempre e cando teñan claras as posibilidades e estean dispostos a realizar sacrificios.

 

Noticias web

28/01/2021