Abren as piscinas ourensás de Oira, con ocupación limitada e cita previa
Inaugurada oficialmente a temporada estival en Ourense. Hoxe abriron as piscinas de Oira, a zona de baño de referencia durante as frecuentes ondas de calor na cidade. Abren, pero coas limitacións propias da nova normalidade.
Once da mañá, 20 graos escasos, e xa hai xente agardando ás portas de Oira: "Porque aquí o tempo sempre é caloroso en Ourense e é unha sorte que abra por fin a piscina", comenta un usuario.
A través da megafonía, recórdanlles aos usuarios as novas normas de uso. Ás habituais medida de precaución nunha piscina súmanse este ano as impostas pola pandemia.
Jacobo Cordero, traballador nas piscinas de Oira, coméntanos: "Temos todo distribuído por parcelas, coas frechas dirixindo a xente nun único sentido para que non se crucen, xeles, acceso con código QR...".
De vixiar que se respecten as normas vanse encargar, ao longo do verán, 45 traballadores. O dobre dos habituais. Entre as súas prioridades, controlar a ocupación e que se respectan as distancias de seguridade.
"Vai rondar as 400 persoas, máis ou menos. Pero, vendo a capacidade de uso da instalación, pódese flexibilizar e chegar a 500. Pero en principio imos ser conservadores para evitar aglomeracións", di Mario González, xerente do Consello Municipal de Deportes.
Os alumnos do club de natación do pavillón de deportes foron os primeiros usuarios, pero a eles fóronse sumando durante a mañá outros habituais destas instalacións que xa tiñan ganas de as estrear.
Ao longo da semana contan con ter xa operativa a aplicación que permitirá solicitar cita con antelación. O límite será dun adulto e tres nenos por cita e non se poderá pedir dous días seguidos, para facilitar o acceso do maior número de persoas posible, dentro das limitacións que impón a covid-19.