CRTVG

Buscar

Abren as escolas infantís con rigorosas medidas de prevención e hixiene

Publicado o 01/09/2020 14:26

Hoxe fano as privadas e en tres días sumaranse as públicas. As escolas infantís de Galicia abren as súas portas tras un verán de moito traballo, de reorganización, de reestruturación de espazos e de adopción de novos xeitos de traballar para convivir o mellor posible nunha situación complicada. E claro, hai nervios. Confírmao Beatriz Quintáns, directora dunha escola infantil de Santiago, que explica que "como empezamos a traballar dunha forma completamente diferente si que hai nervios. Hoxe empezamos con só dez nenos dos 40 matriculados porque estamos en periodo de adaptación". Nais e pais que chegaban cos seus críos á escola tamén manifestaban unha mestura de incertidume e ilusión pola nova etapa.

Así que este ano, á sempre difícil adaptación, súmanse novas complicacións.
O protocolo elaborado pola Xunta constata que as medidas preventivas nestes centros son moito máis complexas que nos niveis superiores. Aquí non só aprenden, tamén dormen, tamén xantan, é a etapa de adquisición de hábitos e en que precisan un estreito contacto humano.
A chegada ao centro, que ha de ser gradual e esixe, polo tanto, moita puntualidade. Ademais, acabouse o de acompañar o cativo á aula. As familias foron informadas tanto desas novas precaucións como da necesidade de mirar a temperatura na casa, de levar roupa e calzado exclusivos para o centro e doutras cuestións. Beatriz Quintáns explica que se intensificaron notablemente a limpeza e desinfección de todo o material, así como a ventilación das instalacións.

Os pequenos formarán parte de grupos estables de convivencia, as aulas, onde non terán que levar máscara nin gardar a distancia.
Se o termómetro pasa de 37,5 graos, inmediatamente haberá que illar o neno, que deberá ser recollido polos pais.
Máis de 4.800 profesionais das 570 escolas infantis que hai en Galicia sometéronse ás probas serolóxicas. A matriculación baixou arredor dun 20 por cento nas 200 escolas infantís privadas, e sobre un 10 por cento nas públicas, onde hai a día de hoxe 7.650 nenos matriculados.

Noticias web

01/09/2020