Abre unha nova boca no volcán de Cumbre Vieja
Nova fractura no volcán da Palma. Esta sábado o Instituto Vulcanolóxico das Canarias anunciaba a apertura dunha nova boca, que se une ás dúas abertas na xornada do venres. En total hai seis focos emisores de lava.
Os científicos seguen monitorizando a lava que sae dos dous novos conos abertos no volcán de Cumbre Vieja, pendentes sobre todo da súa traxectoria. As dúas novas bocas están separadas entre elas arredor de quince metros.
Os expertos din que a nova lingua de lava avanza a máis velocidade, xa que é máis líquida e discorre en principio por unha zona de moita pendente, onde afectou a algunhas edificacións que xa estaban desaloxadas. As previsións apuntan a que a nova corrente se unirá nalgún momento á coada principal.
A maior parte dos científicos, a bordo do buque oceanográfico Ramón Margalef, desprazado con urxencia desde Vigo á Palma, estudan os efectos da lava nos fondos mariños e os que terá para a actividade pesqueira no lugar, amais de trataren de prever a chegada da lava procedente dos novos conos. Aínda que sexa un tema menor nestes momentos, a lava que chegou e que avanza no mar xa eliminou a célebre onda perfecta da praia dos Guirres, famosa entre os surfistas internacionais.
Os responsables de Protección Civil canaria din que están enfrontándose a unha emerxencia nunca antes vista nas illas, cun volcán de comportamento cambiante, e na que a estratexia de hoxe pode non servir de nada mañá.
A actividade volcánica na illa da Palma provocou esta noite un total de trece sismos, o máis forte deles rexistrado arredor das sete da mañá, cunha magnitude de tres graos na escala Ritcher. O Instituto Vulcanoloxico das Canarias di que eses sismos propiciaron a apertura esta mañá dunha nova boca do volcán, segundo revelan as imaxes captadas polos drons dos científicos.
Este sábado está prevista a visita do ministro da presidencia, Felix Bolaños. Mañá volverá ao lugar o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.