CRTVG

Buscar

Abre o prazo de solicitude de admisión na FP

Publicado o 25/06/2020 14:59

Hoxe abriu o prazo de solicitude de admisión na Formación Profesional. Se queren praza para o curso que vén, poden pedila ata o 8 de xullo.

É unha formación práctica, adaptada ás necesidades do tecido produtivo, serve para acceder directamente ao mercado laboral ou de ponte para a Universidade, e ten un alto índice de empregabilidade. Son os atractivos da Formación Profesional, que cursan unhas 51.000 persoas ao ano en Galicia.

"Destaca moito máis as prácticas que a teoría, paréceme perfecto para integrarse no ambiente laboral", di un alumno do CIFP Politécnico de Santiago.

Hoxe abriu o prazo de solicitude para os arredor de 1200 ciclos que se ofertan para o curso que vén nos centros públicos. Hai que facela vía web, cunha aplicación informática que este ano pode ser especialmente útil.

Segundo José Manuel Leis, director do Politécnico de Santiago, vai axilizar os trámites, e evitará "calquera aglomeración" nas oficinas do centro.

Entre as novidades para o curso 20-21, o reforzo da FP Dual, con 56 ciclos que alternan a formación no centro e o traballo en empresas; e a creación dos cursos de especialización. É unha nova modalidade nas ensinanzas de FP, dirixida a persoas xa tituladas: "Sería o equivalente a un máster na universidade, é dicir, alumnos que xa remataron, que xa teñen a súa titulación, e que poden facer un curso de superespecialización que lles abre un mundo moi interesante", afima Leis.

Poden solicitar praza nos cursos de especialización, na FP Dual e en ciclos de grao medio ou superior ata o oito de xullo. O primeiro prazo de matrícula será do 21 ao 27 de xullo.

 

Noticias web

25/06/2020