CRTVG

Buscar

Abre na Coruña unha cafetería onde podes acariñar ou adoptar un gato

Publicado o 17/03/2019 11:07

Maya, Toni, Diabla son algúns dos gatos que conviven cos clientes do Cat Café. Un lugar en que tanto tomas algo como acariñas un michiño. Unha iniciativa pioneira en Galicia que os seus propietarios trouxeron do Xapón.

Asier Soto Suárez, propietario de Cat Café: "Isto é unha idea do Xapón, os cat café trouxémolo de alá e vimos que en Europa estaba vindo como tema social, de axudar as asociacións a salvar gatos da rúa. Asociámonos coa asociación La Perla e eles traen os gatos da rúa".

Da rúa a esta peculiar casa de acollida, a entrada á zona de felinos custa 3 euros destinados á asociación de animais que os rescata. E se te namoras dalgún pódelo levar para a casa, todos buscan unha familia. Unha iniciativa que ten unha grande acollida entre a clientela.

Isabel Díez, clienta: "Paréceme xenial porque a xente pode ter a experiencia antes de como se leva co gato antes de levalo para a casa e ver como eles se comportan. Divertidos, fan o que queren e son animais ao final e gústalles o cariño humano, entón iso é moi bonito".

Dende que os seus propietarios decidiron hai dous anos abrir a primeira cafetería deste tipo no concello de Cambre xa foron adoptados 220 gatos. Agora inician aventura na Coruña, o éxito está garantido, en menos de 24 horas un dos seus michos, Pepo, xa conseguiu ter unha familia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/03/2019