CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Abre ao tráfico a vía de altas prestacións entre Monforte e Bóveda

Publicado o 23/10/2015 21:17



Antes de que acabe o ano estará en servizo toda a vía de altas prestacións entre Lugo e Monforte. Desde esta tarde xa se pode circular polo treito entre Bóveda e Monforte e prevese que os sete quilómetros que quedan para acabala abran ao tráfico no prazo dun mes.

Cando acabe a obra, a finais deste 2015, os tempos en coche entre Lugo e Monforte quedarán reducidos á metade, a media hora, e ir de Monforte a Sarria levará quince minutos.
Desde este venres xa están en servizo os doce quilómetros que van da capital do Lemos a Bóveda. Todo o treito ten as carácterísticas técnicas das chamadas vías de altas prestacións, polo seu firme ou un trazado sen case curvas.

Na inauguración, o presidente da Xunta dixo que obras coma esta garanten a seguridade viaria e facilitan as oportunidades económicas das vilas polas que pasan.
Segundo Feijóo, cando remate a lexislatura Galicia terá un 66% máis de vías de altas prestacións ca no 2009.

"Un 66% máis; por iso seremos quen de acadar que o 80% dos galegos esteamos a menos de quince minutos máis dunha autovía ou dunha vía de altas prestacións", asegura Feijóo.

Na estrada entre Sarria e Monforte investíronse en total 135 millóns de euros.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

23/10/2015