CRTVG

Buscar

Bos días

Abre a Feira Internacional do Libro de Bos Aires, coa cidade de Santiago de Compostela como convidada especial nesta edición

Publicado o 21/04/2016 10:12

Galicia e A Arxentina buscan novas pontes de colaboración no eido cultural. Manifestouno o conselleiro de Cultura galego, Román Rodríguez, e o titular do Ministerio de Cultura da Nación arxentina, Pablo Avelluto, despois dun encontro celebrado en Bos Aires.

A boa sintonía entre o Goberno galego e o arxentino, unido a que Santiago de Compostela sexa cidade convidada na Feira Internacional do Libro de Bos Aires, están a posibilitar que Galicia teña aínda máis visibilidade en América Latina.

É o que se desprendeu do encontro entre os titulares de Cultura de ambos executivos para fomentar a creación de proxectos comúns.

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: "Creo que o feito de que cooperemos, que abramos portas, que apostemos por internacionalizar a nosa cultura só pode sacar cuestións positivas para ambos".

Propostas en que deberán afondar, pero que segundo Rodríguez foron ben recibidas polo ministro.

Trataríase, por exemplo, de estudar vías de colaboración entre capitais públicos e privados para levar a cabo políticas de mecenado e solucionar problemáticas comúns.

Pablo Avelluto, ministro de Cultura da Arxentina: "O Goberno autonómico galego avanzou moito e nós  estamos aínda atrasados a nivel nacional, polo que nos interesan moito as experiencias comparadas".

Rodríguez convidou a Avelluto a facer o Camiño de Santiago e a empregar a Cidade da Cultura como plataforma para os artistas arxentinos.

Tanto o conselleiro como o ministro coincidiron na imperante necesidade de cooperación entre dúas nacións irmáns, cunha forte vinculación histórica, para favorecer o sector cultural a un e outro lado do Atlántico.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

21/04/2016